Museo Museo de las Peregrinaciones y de Santiago
Inventario D-1035
Clasificación Genérica Pintura; Obxectos devocionais
Objeto/Documento Cadro
Autor/a Atribuído a; Pietro del Po (Lugar de nacimiento: Palermo, 1616 - Lugar de defunción: Nápoles, 1690) Escuela/Taller: Napolitana
Escola Napolitana
Título Aparición da Virxe do Pilar a Santiago
Materia/Soporte Cobre
Pintura ao óleo
Técnica Óleo sobre cobre
Dimensiones Ancho con marco = 62,50 cm; Alto con marco = 73 cm
Descripción Esta obra atribuída ao pintor napolitano Pietro del Po (1610-1692), representa a aparición da Virxe do Pilar a Santiago utilizando un modelo compositivo que se afasta lixeiramente dos prototipos máis utilizados por pintores hispanos do Barroco e que se inspiran nas visións difundidas por sor María Jesús de Ágreda. Aliméntase en certa medida modelos anteriores se ben inclúe o misterio e a suntuosidade que caracteriza as representacións máis recentes. O artista divide a escena en dous triángulos cunha bisectriz que une o ángulo superior dereito co oposto. A parte inferior dereita representa ao mundo terreal mentres que a superior esquerda corresponde á celestial. Santiago aparece en primeiro termo con indumentaria apostólica (túnica e manto apostólicos) e con atributos de peregrino (sombreiro que cae polas costas e bordón). Os seus oito discípulos, nunha composición que se adapta ao marco, aparecen abraiados ollando cara a Virxe que ocupa a superficie oposta do cadro. Vestida esta con túnica rosa, amplo manto azul e velo marfil, aparece sentada sobre un trono de nubes, querubíns e anxos que enmarcan unha superficie iluminada con luz celestial, moi ao gusto napolitano. Unha columna conecta o mundo terreal co celestial. No fondo, unha paisaxe na que se percibe o río Ebro e unha ponte indicativa da cidade de Zaragoza. Todo isto executada cunha gran mestría e habelencia que outorga ás facianas dos interviñentes gran expresividade sen esquecer o delicado tratamento dos panos e do propio entorno no que se leva a cabo a lendaria aparición.
Iconografia Aparición da Virxe do Pilar a Santiago
Datación 1650[ca] (Mediados do século XVII)
Contexto Cultural/Estilo Barroco
Lugar de Producción/Ceca Nápoles (Nápoles (provincia), Campania)
Uso/función Relixioso / Devocional
Descriptores Geográficos Nápoles
Clasificación Razonada É probable que esteamos ante unha representación iconográfica difundida por diversos sistemas de representación nomeadamente a través de estampas que servirían de modelo a artistas. Esta imaxe aparece incluída na publicación editada en Lyon en 1656, da autoría de Ioan. Bapt. de Lezama, titulada "Duplex Allegatio pro Cathedralitate Ecclesiae Caesaraugustanae Sanctae Mariae del Pilar...". (Domingo Pérez, T., "Duplex Allegatio pro Cathedralitate Ecclesiae" en Todos con Santiago. Patrimonio eclesiástico [cat. exp.], Santiago, 1999, páx. 76-77)
A representación da aparición da Virxe en corpo mortal a Santiago nas beiras do río Ebro na cidade de Zaragoza acadará durante o Barroco o período de maior puxanza. Aínda que xa era coñecida a partir da Idade Media, convértese nunha das temáticas frecuentes da pintura relixiosa, principalmente dentro do territorio hispano ou en áreas da súa influencia política, cultural ou relixiosa. Se ben a tradición do Pilar se pode remontar á tardo antigüidade (abonde con lembrar as referencias recollidas no relato do bispo Máximo de Zaragoza do ano 571), será a partir das visións místicas de sor María Jesús de Ágreda (1602-1665), cando se potencie esta representación e se troquen os conceptos iconográficos para dar cabida ás descricións que esta monxa recolle nos seus controvertidos escritos. A súa relación con Filipe IV contribuirá á difusión das súas visións e da tradición pilarista en relación coa predicación de Santiago o Maior en España.
A partir da segunda metade do XVII as escenas fanse extremadamente suntuosas e tratan de reproducir, na medida do posible, os detalles que da mística visión narra sor María Jesús de Ágreda (principalmente Libro VII, 351 ss.). Deste xeito, o artista conta cun repertorio de elementos que han de figurar: un escenario próximo a un río e a unha cidade (río Ebro, Zaragoza), cuns personaxes (Santiago orante e un número variable pero reducido de discípulos), a Virxe sentada sobre un trono de nubes e querubíns, unha columna de mármore, xaspe ou algunha outra pedra pulida semellante e coa cruz cuadrilátera debuxada, un grupo de anxos transporta unha imaxe da Virxe -que por regra xeral reproduce a escultura conservada na basílica zaragozana tallada entre finais do XV e principios do XVI-, unha grandísima luz celestial, un coro igualmente celestial interpreta músicas da mesma natureza, todo iso cunha atmosfera sobrenatural ateigada de misticismo.
O século XVII princípiase coa polémica da impresión do breviario de Clemente VIII para celebrar o xubileu romano de 1600, inspirado polo cardeal Baronio, e no que se afirma que a chegada de Santiago para predicar en España "era cousa recibida por parte dos españois", remitindo pois a unha tradición hispana todo o que rodeaba o culto xacobeo. Ademais da protesta oficial para corrixir tal afirmación que deixaría sen argumentos a tradición pilarista, e que se plasmaría na "Defensa de la venida y predicación evangélica de Santiago en España" de Diego del Castillo (publicada en 1608 a tradución ao español do orixinal latino presentado en Roma), serían múltiples os autores que sairían en defensa deste feito (Hernando Oxea, Castellá Ferrer, etc.) que producirían unha importantísima literatura xacobea nestes momentos do Barroco. Pero a polémica avivaríase máis aínda coa proposta do padroado de España a favor de Santa Teresa de Xesús coincidindo coa súa canonización en 1617, converténdose nunha batalla intelectual con defensores e detractores da propostas. Nesta regueifa participaría o propio Francisco de Quevedo que, á parte de evidenciar a súa misoxinia, argumentaría a favor da permanencia dun santo guerreiro na defensa de España nas dúas principais obras que escribiría sobre o tema: "Memorial por el patronato de Santiago y por todos los santos naturales de España... " e "Su espada por Santiago" (1628). En definitiva, esta situación histórica, con disputas frecuentes, suporía o acrecentamento do fervor a favor do culto xacobeo e incitaría aos responsables eclesiásticos a fomentar a produción de obras artísticas representativas destas manifestacións postas en entredito, experimentando un gran pulo a temática pilarista que non se circunscribiría soamente ao territorio peninsular, senón que, como é este o caso, tería unha boa acollida en áreas influencidas polo imperio.
Forma de Ingreso Depósito por compra. Directa
Fecha de Ingreso 16/04/2010
Catalogación Pérez Outeiriño, Bieito
| más imágenes |
 
 
 
 
 
Subir

© Ministerio de Cultura | v49.0 Accesibilidad | Mapa Web | Créditos | Contacte con Cer.es | Condiciones de uso | NIPO: 551-09-131-6